martes, 13 de octubre de 2009

Final da temporada de salmónidos en Galicia

Rematou a temporada de salmónidos 2009 en Galicia e como conclusión, primeiramente subxectiva, como "amago de pescador" e asiduo visitante dalgúns cursos fluviais galegos (principalmente da provincia da Coruña); teño que dicir que, non foi unha boa temporada. Collín menos troitas que o ano pasado e enganei algún que outro reo no sen morte do Mero (tampouco me deu os bos resultados do ano pasado, tanto en reos como en troitas). O meu querido Xallas tampouco o vin ben, polo menos a onde vou eu. Se podo, a temporada que vén, tentarei ir ó couto sen morte Xallas-Beba, a ver que tal se me dá.

Por outra banda, de forma obxectiva e atendendo ós datos da Xunta, en canto ás capturas de reo e salmón; pódese dicir que o panorama non dá señais de mellorar. En canto ó salmón (Véxase cadro da publicación deste blog do 12 de Setembro), o Eo e o Masma están en decadencia, o Mandeo vai cumplindo co seu cupo de 5. O Ulla quedou a 20 salmóns do cupo de 50 que se acadou o ano pasado e o Lérez e o Miño quédanse en 9 capturas entre ámbolos dous. 74 salmóns capturados de forma oficial en 6 ríos galegos. De pena...
As capturas oficiais de reo disminuíron en 225 en referencia ás do ano 2008, pero son mellores que as dos anos 2005, 2006 e 2007: de 1.943 en 2008 pasouse a 1.718 no 2009 (véxase o cadro de abaixo). A provincia con máis capturas foi A Coruña, e os ríos con mellores cifras foron o Mandeo con 382 reos, Tambre con 260 (401 en 2008), Xubia con 253 (prácticamente nas mesmas cifras da temporada pasada), o Sor con 243 (218 en 2008) e o Grande de Baio 222 (363 en 2008). Destaca a melloría do Anllóns, con 31 reos máis que 2008 (95 reos), e a do Eume (de 43 a 96 reos), despois da catástrofe do Chamoselo, o ano pasado. O Ulla baixou (de 186 a 62) ó igual que o Landro (de 92 a 53).

A plaga de verquidos segue a defenestrar km. de tramos de ríos: Verdugo, Sar, o Ulla en Monterroso, Manzanillo, Bendimón, etc. E cos pepeiros, volta a manipulación, a permisividade e ineptitude (como non podía ser doutra maneira...). Se non, como se pode afirmar que un tramo de río esquilmado por un verquido dende unha depuradora, esté dous días despois "recuperado"...? Iberdrola que siga facendo o que lle pete e desecando tramos do río Sil, non pasa nada, como é competencia da Confederación hidrográfica Miño-Sil, pois nada, a Xunta de Feijoó pasa de todo neno! Como se lles ve o plumeiro... O mundo vai para adiante, pero aquí en Galicia "avanzamos" cara atrás: "AEMS-Ríos con vida" consegue facer un tramo libre sen morte no Río Miño en Rábade, e ó ano seguinte, uns "galeguiños de detrás da silveira", co alcalde do pobo á cabeza, queren xuntar firmas para que o tramo en cuestión volte ser tradicional, con morte. Manda chover na Habana...

En fin... Nunca haberá nada bo que contar?



No hay comentarios: