miércoles, 15 de abril de 2009

Un mes de temporada

Despois de cumplido un mes de temporada de pesca fluvial en Galicia, debo dicir que estou dando paus de cego, e coma sempre quedo a "dúas velas". Non fun moitos días de pesca, pero xa visitei o río Xallas, o Barcala, o Deo, o Lengüelle, etc. e intento buscar unha explicación a que esté pescando tan pouco: uns días o vento do norte, o frío, os ríos algo baixos para a época do ano na que estamos, o tempo que agora está inestable, que non hai troitas, que si a lúa... "y tal y tal" como di Luís Aragonés. E chego á conclusión de que debo ser moi malo, porque, son demasiados días de carolos... O transcurso da temporada daráme a razón ou non (quedan catro meses), a ver o que pasa: Xa irei contando.
Por outra banda, parece que tamén comezou a "temporada de verquidos"... Segundo lin na páxina de Miguel Piñeiro (www.miguelpesca.com), esta vez tocoulle ó río Bendimón, na Serra de Outes, e principalmente ás súas troitas... E nada! Seguirán os verquidos, e os responsables, na súa maioría, continuarán libres de castigo.
Tamén, tocando outro tema, é unha incógnita, o que lle espera ós nosos cursos fluviais, polo mínimo, nos vindeiros catro anos, logo de que o PP gañase as eleccións ó Parlamento de Galicia. Polo ben da nosa Terra galega, espero que esta vez os pepeiros se esmeren no exercicio do goberno, non coma nos 16 anos de Fraga. Voltarán unha morea de minicentrais ós ríos galegos coma voltan os Salmóns dende o mar ó río no que naceron? Espero que o segundo siga sucedendo, pero o primeiro... por favor... NON!!! Toca rezar ou ter moita paciencia, non só cando as troitas non pican, senon, para que dunha vez por todas, a Xunta se decida, de forma directa e decisiva, por coidar e recuperar os ríos e rías do país. Os ríos creo que, coma todo, chegan a un límite, e se lles seguimos dando tantos paus, acabaremos con eles. Coidemos do entorno para que se conserve nas mellores condicións. Nós estamos de paso, pero virán outros detrás.