martes, 6 de enero de 2009

O peor soe ir a peor

Como todos sabemos, o día 1 de Marzo están convocadas as Eleccións ó Parlamento de Galicia. Toca polo tanto facer balance destes catro anos do exercicio do poder político, neste caso, nos ríos e rías no país dos mil verquidos.

O máis destacado e bo que lle vin á Consellería de Medio Ambiente nestes últimos catro anos, é o feito de que frenara a sangría de minicentrais proxecatada (feita con présa e sen pausa) polos verdugos do goberno anterior, que se sumaría á xa abundante existencia destas nefastas construcións en anos anteriores. Por outra banda, tamén é unha boa noticia que as repoboacións de troita se fagan con cabeciña e atendendo ós técnicos e científicos espertos na materia (a ver se é verdade), e non atendendo a connotacións populitas. Pero voume centrar en algo que ensombrece con notoriedade as boas xestións que se teñen feito: O desastre da Fervenza. É obvio que este acontecemneto, ten un culpable directo, FERROATLÁNTICA, e un indirecto, a CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, se se me permite dicilo así. Non só se deben vixiar os ríos, encoros, etc. en determinados momentos do ano. Débese ser constante neste senso, como en case todo. Se a Consellería vira (que ó mellor viuno) o nivel das augas do encoro nunha situación crítica nos días anteriores a aquel 11 de Novembro de 2007, debería (de contado) pegar un toque de atención á empresa do ex-ministro de Franco, Villar Mir (outro verdugo), para evitar unha desgracia; pero neste país bananero, as trapalladas están á orde do día. O Presidente da Xunta, debería ter máis presenza, como presidente que é, e cesar ó Conselleiro (por incompetencia), xa que éste non tivo a valentía de facelo: Como costa recoñecer os fallos... !!! E sobre todo, penso que a Lei, tiña que ser moito máis dura do que é cos responsables destas desfeitas. Ademáis, eu vexo que a maioría dos ríos e regatos que visito, seguen no mesmo estado de abandono que hai anos, e en ocasións están peor. As construcións de vías de transporte e comunicación son necesarias, pero non é tolerable, que cando as chuvias fan acto de presenza, toneladas de area se arrastren desde estas obras ós cursos fluviais e ninguén faga nada por corrixir as consecuencias nefastas deste feito.
Polo demáis, penso que pouco mellor imos que cos pepeiros. Sinceramente estou bastante decepcionado, porque tiña moita ilusión hai catro anos. Esa ilusión tornouse en apatía e desilusión. Se o próximo 1 de Marzo chegan ó goberno galego os Feijoós & Company... ou moito me equivoco, ou dame que será máis do mesmo ou peor, é dicir: INCOMPETENCIA!!!! Como di unha canción dun conocido grupo musical da costa oeste norteamericana: "worst come to worst", ou sexa, "o peor vai a peor".