Xa había un par de mesiños que non escribía neste espazo da rede, e pensara en contar como me fora nos derradeiros días de pesca fluvial no país dos mil ríos. Pois ben, a idea truncouse e terá que esperar a días mellores, xa que esta semana ocorreu outra desgracia; esta vez no Río Lengüelle ó seu paso por Xesteda (Couto de Boicalbo, Cerceda) (Ver a noticia en: http://www.lavozdegalicia.es/galicia/2008/10/21/0003_7242733.htm?idioma=galego): centos de troitas apareceron na superficie da auga co bandullo mirando ás polas dos abeneiros. Parece que nunca (co case diante) se pode falar de noticias alegres cando de natureza se trata. O Lengüelle, non vive tranquilo dende hai moito tempo por mor da industria contruída no seu arredor. Esa industria, incluída SOGAMA, son os principais sospeitosos, ou directamente culpables dos "paus" que recibiu o río dende hai uns anos. Estaba comezando a recuperarse, pero outra vez a pantasma dos verquidos contaminantes se cebaba cun río galego. Levamos un ano no que non chegan os dedos das mans para contar as desgracias nos cursos fluviais desta parte da Península: comezando polo Catasol (por partida doble), seguindo pola catástrofe do Xallas, o Ulla, o Umia, o Miño, o Lagares, o Mandeo, o Grande, o Gallo, o Con, o Eume, o Mero (pesqueino varios días no verán e en ocasións, a auga levaba unha cor máis que sospeitosa), o Landro, o Mercurín, o Tambre, o Dubra, o Xuvia (que non "Jubia", como se oe dicir por aí...), e acabando polo Lengüelle. (e seguro que se me esquece algún).
Unha imaxe, por desgracia, demasiado habitual
Por todo este desolador panorama, o próximo texto que escriba (se desilusión me deixa) irá adicado a como me foi nos derradeiros días da tempada de pesca fluvial no país dos mil desaugues. E dende aquí dou un berro cheo rexeitamento a esta serie de verquidos, pedindo á Consellería de Medio Ambiente traballo e dedicación abasoluta para parar isto, e por suposto, para atopar e sancionar ós culpables de tan detestables feitos.
Saúdos.
A fotografía está sacada da páxina: http://www.lavozdegalicia.es