jueves, 25 de junio de 2009

domingo, 14 de junio de 2009

viernes, 12 de junio de 2009

Resultados no Campionato Provincial Salmónidos Mosca 2009

Despois das chuvias que precederan ó día 7 de Xuño, esperábase que o o Mandeo baixara revolto... e así foi, e ademáis algo crecido. Había que sacar as ninfas da caixa e poñelas a funcionar. O certo é que ou non funcionaron elas ou non funcionei eu. Vai ser que as dúas cousas e con maior probabilidade a segunda... A choiva e as baixas temperaturas para o mes de Xuño acompañáronnos ó longo da xornada. Pero o Couto de Aranga portouse moi ben de forma global, posto que se sacaron ó redor de 100 troitas puntuables. Ainda que eu levei un carolo nas dúas mangas, non me tocaron uns tramos moi difíciles de pescar, pero había zonas nas que a corrente era forte e había que andar con moito tino para non darse un chapuzón; e co día que estaba non era plan. Pero ben, de todos xeitos, a molladura xa a tiña igual...
Os participantes de Fario non sacamos bos resultados: Luisma e Rubén conseguiron cadansúa pintona e os demáis levamos unha "bicicleta"... Pero foi unha xornada na que o pasamos ben e como se soe dicir: xa virán mellores días de pesca.
O gañador do campionato foi Rafael Bellas (C.P. Xuvia), seguido por Alejandro Villanueva (V. Carballo) e Juan Carlos Suárez (Salmo).

jueves, 4 de junio de 2009

Campionato Provincial Salmónidos Mosca 2009

O Domingo 7 de Xuño terá lugar no Río Mandeo (Couto de Aranga) o Campionato Provincial Salmónidos Mosca. Teño a sorte de estar convocado xunto cos meus compañeiros da Sociedade Fario Laracha: Suso, Luisma, Juan Carlos, Rubén e Martín.

O Programa do Campionato é o seguinte:


-07:30. Concentración dos participantes no restaurante bar Platas.
-09:00. Inicio da 1ª manga.
-11:00. Finaliza a primeira fase. Cambio de pescador e control.
-11:15. Inicio segunda fase.
-13:15. Fin da 1ª manga.
-14:00. Concentración no restaurante San Lorenzo.
-16:00. Inicio da 2ª manga.
-18:00. Finaliza a primeira fase. Cambio de pescador e control.
-18:15. Inicio segunda fase.
-20:15. Fin da competición.
-20:45 a 21.30. Entrega de plicas no restaurante bar Platas Unha vez elaborada e verificada a clasificación, Clausura do campionato, e entrega de trofeos.

Sorte e a conseguir unha boa clasificación.

miércoles, 15 de abril de 2009

Un mes de temporada

Despois de cumplido un mes de temporada de pesca fluvial en Galicia, debo dicir que estou dando paus de cego, e coma sempre quedo a "dúas velas". Non fun moitos días de pesca, pero xa visitei o río Xallas, o Barcala, o Deo, o Lengüelle, etc. e intento buscar unha explicación a que esté pescando tan pouco: uns días o vento do norte, o frío, os ríos algo baixos para a época do ano na que estamos, o tempo que agora está inestable, que non hai troitas, que si a lúa... "y tal y tal" como di Luís Aragonés. E chego á conclusión de que debo ser moi malo, porque, son demasiados días de carolos... O transcurso da temporada daráme a razón ou non (quedan catro meses), a ver o que pasa: Xa irei contando.
Por outra banda, parece que tamén comezou a "temporada de verquidos"... Segundo lin na páxina de Miguel Piñeiro (www.miguelpesca.com), esta vez tocoulle ó río Bendimón, na Serra de Outes, e principalmente ás súas troitas... E nada! Seguirán os verquidos, e os responsables, na súa maioría, continuarán libres de castigo.
Tamén, tocando outro tema, é unha incógnita, o que lle espera ós nosos cursos fluviais, polo mínimo, nos vindeiros catro anos, logo de que o PP gañase as eleccións ó Parlamento de Galicia. Polo ben da nosa Terra galega, espero que esta vez os pepeiros se esmeren no exercicio do goberno, non coma nos 16 anos de Fraga. Voltarán unha morea de minicentrais ós ríos galegos coma voltan os Salmóns dende o mar ó río no que naceron? Espero que o segundo siga sucedendo, pero o primeiro... por favor... NON!!! Toca rezar ou ter moita paciencia, non só cando as troitas non pican, senon, para que dunha vez por todas, a Xunta se decida, de forma directa e decisiva, por coidar e recuperar os ríos e rías do país. Os ríos creo que, coma todo, chegan a un límite, e se lles seguimos dando tantos paus, acabaremos con eles. Coidemos do entorno para que se conserve nas mellores condicións. Nós estamos de paso, pero virán outros detrás.

sábado, 7 de marzo de 2009

Normativa da Temporada de Pesca Fluvial 2009

O Mércores 4, publicouse (e xa era moita hora) no Diario Oficial de Galicia, a Normativa de Pesca Fluvial da Temporada 2009. O máis destacado: A Temporada comeza o vindeiro Domingo día 15 e remata o 15 de Agosto (en tramos de reo, salmón e alta montaña, comeza o 1 de maio); sendo os Luns xornadas inhábiles, e tamén os Xoves para os coutos (agás festivos do país e estatais). Prolongándose ata o 30 de Setembro nos coutos intensivos, de pesca sen morte e coutos de reo. A novidade é que se volta á medida mínima xeral para a pesca da troita de 19 cm. salvo normas específicas establecidas en determinadas masas de auga. A cota máxima de capturas de troita é de 10 exemplares, salvo normas específicas marcadas en determinados tramos fluviais. A "troita arcoiris" (Oncorhynchus mykiss), como xa se sabe, non ten nin dimensión mínima nin límite de capturas. Outra novidade e boa noticia, é que o Couto Xallas-Beba ábrese á pesca, logo de que na temporada 2008 estivese vedado, por motivo do desastre da Fervenza en Novembro de 2007. Pero a categoría do couto, deixa de ser tradicional, para establecerse como de pesca sen morte.