miércoles, 15 de abril de 2009

Un mes de temporada

Despois de cumplido un mes de temporada de pesca fluvial en Galicia, debo dicir que estou dando paus de cego, e coma sempre quedo a "dúas velas". Non fun moitos días de pesca, pero xa visitei o río Xallas, o Barcala, o Deo, o Lengüelle, etc. e intento buscar unha explicación a que esté pescando tan pouco: uns días o vento do norte, o frío, os ríos algo baixos para a época do ano na que estamos, o tempo que agora está inestable, que non hai troitas, que si a lúa... "y tal y tal" como di Luís Aragonés. E chego á conclusión de que debo ser moi malo, porque, son demasiados días de carolos... O transcurso da temporada daráme a razón ou non (quedan catro meses), a ver o que pasa: Xa irei contando.
Por outra banda, parece que tamén comezou a "temporada de verquidos"... Segundo lin na páxina de Miguel Piñeiro (www.miguelpesca.com), esta vez tocoulle ó río Bendimón, na Serra de Outes, e principalmente ás súas troitas... E nada! Seguirán os verquidos, e os responsables, na súa maioría, continuarán libres de castigo.
Tamén, tocando outro tema, é unha incógnita, o que lle espera ós nosos cursos fluviais, polo mínimo, nos vindeiros catro anos, logo de que o PP gañase as eleccións ó Parlamento de Galicia. Polo ben da nosa Terra galega, espero que esta vez os pepeiros se esmeren no exercicio do goberno, non coma nos 16 anos de Fraga. Voltarán unha morea de minicentrais ós ríos galegos coma voltan os Salmóns dende o mar ó río no que naceron? Espero que o segundo siga sucedendo, pero o primeiro... por favor... NON!!! Toca rezar ou ter moita paciencia, non só cando as troitas non pican, senon, para que dunha vez por todas, a Xunta se decida, de forma directa e decisiva, por coidar e recuperar os ríos e rías do país. Os ríos creo que, coma todo, chegan a un límite, e se lles seguimos dando tantos paus, acabaremos con eles. Coidemos do entorno para que se conserve nas mellores condicións. Nós estamos de paso, pero virán outros detrás.

sábado, 7 de marzo de 2009

Normativa da Temporada de Pesca Fluvial 2009

O Mércores 4, publicouse (e xa era moita hora) no Diario Oficial de Galicia, a Normativa de Pesca Fluvial da Temporada 2009. O máis destacado: A Temporada comeza o vindeiro Domingo día 15 e remata o 15 de Agosto (en tramos de reo, salmón e alta montaña, comeza o 1 de maio); sendo os Luns xornadas inhábiles, e tamén os Xoves para os coutos (agás festivos do país e estatais). Prolongándose ata o 30 de Setembro nos coutos intensivos, de pesca sen morte e coutos de reo. A novidade é que se volta á medida mínima xeral para a pesca da troita de 19 cm. salvo normas específicas establecidas en determinadas masas de auga. A cota máxima de capturas de troita é de 10 exemplares, salvo normas específicas marcadas en determinados tramos fluviais. A "troita arcoiris" (Oncorhynchus mykiss), como xa se sabe, non ten nin dimensión mínima nin límite de capturas. Outra novidade e boa noticia, é que o Couto Xallas-Beba ábrese á pesca, logo de que na temporada 2008 estivese vedado, por motivo do desastre da Fervenza en Novembro de 2007. Pero a categoría do couto, deixa de ser tradicional, para establecerse como de pesca sen morte.

martes, 6 de enero de 2009

O peor soe ir a peor

Como todos sabemos, o día 1 de Marzo están convocadas as Eleccións ó Parlamento de Galicia. Toca polo tanto facer balance destes catro anos do exercicio do poder político, neste caso, nos ríos e rías no país dos mil verquidos.

O máis destacado e bo que lle vin á Consellería de Medio Ambiente nestes últimos catro anos, é o feito de que frenara a sangría de minicentrais proxecatada (feita con présa e sen pausa) polos verdugos do goberno anterior, que se sumaría á xa abundante existencia destas nefastas construcións en anos anteriores. Por outra banda, tamén é unha boa noticia que as repoboacións de troita se fagan con cabeciña e atendendo ós técnicos e científicos espertos na materia (a ver se é verdade), e non atendendo a connotacións populitas. Pero voume centrar en algo que ensombrece con notoriedade as boas xestións que se teñen feito: O desastre da Fervenza. É obvio que este acontecemneto, ten un culpable directo, FERROATLÁNTICA, e un indirecto, a CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, se se me permite dicilo así. Non só se deben vixiar os ríos, encoros, etc. en determinados momentos do ano. Débese ser constante neste senso, como en case todo. Se a Consellería vira (que ó mellor viuno) o nivel das augas do encoro nunha situación crítica nos días anteriores a aquel 11 de Novembro de 2007, debería (de contado) pegar un toque de atención á empresa do ex-ministro de Franco, Villar Mir (outro verdugo), para evitar unha desgracia; pero neste país bananero, as trapalladas están á orde do día. O Presidente da Xunta, debería ter máis presenza, como presidente que é, e cesar ó Conselleiro (por incompetencia), xa que éste non tivo a valentía de facelo: Como costa recoñecer os fallos... !!! E sobre todo, penso que a Lei, tiña que ser moito máis dura do que é cos responsables destas desfeitas. Ademáis, eu vexo que a maioría dos ríos e regatos que visito, seguen no mesmo estado de abandono que hai anos, e en ocasións están peor. As construcións de vías de transporte e comunicación son necesarias, pero non é tolerable, que cando as chuvias fan acto de presenza, toneladas de area se arrastren desde estas obras ós cursos fluviais e ninguén faga nada por corrixir as consecuencias nefastas deste feito.
Polo demáis, penso que pouco mellor imos que cos pepeiros. Sinceramente estou bastante decepcionado, porque tiña moita ilusión hai catro anos. Esa ilusión tornouse en apatía e desilusión. Se o próximo 1 de Marzo chegan ó goberno galego os Feijoós & Company... ou moito me equivoco, ou dame que será máis do mesmo ou peor, é dicir: INCOMPETENCIA!!!! Como di unha canción dun conocido grupo musical da costa oeste norteamericana: "worst come to worst", ou sexa, "o peor vai a peor".

jueves, 13 de noviembre de 2008

Concentración no Encoro da Fervenza-Río Xallas

O día 11 deste mes de Novembro de 2008, cumplíase un ano do desastre do Encoro da Fervenza, que provocara a morte de milleiros de peixes ó quedar a presa prácticamente sen auga: CULPABLE FERROATLÁNTICA de VILLAR MIR. Ante o aniversario desta catástrofe, para espresar a xenreira hacia estes tristes acontecementos e para que éstes non se repitan, o Club Salmo de A Coruña, convoca unha concentración este Sábado 15 de Novembro na Presa da Fervenza ás 12:00 do mediodía.
Saúdos.

domingo, 26 de octubre de 2008

O Lengüelle... de novo


Xa había un par de mesiños que non escribía neste espazo da rede, e pensara en contar como me fora nos derradeiros días de pesca fluvial no país dos mil ríos. Pois ben, a idea truncouse e terá que esperar a días mellores, xa que esta semana ocorreu outra desgracia; esta vez no Río Lengüelle ó seu paso por Xesteda (Couto de Boicalbo, Cerceda) (Ver a noticia en: http://www.lavozdegalicia.es/galicia/2008/10/21/0003_7242733.htm?idioma=galego): centos de troitas apareceron na superficie da auga co bandullo mirando ás polas dos abeneiros. Parece que nunca (co case diante) se pode falar de noticias alegres cando de natureza se trata. O Lengüelle, non vive tranquilo dende hai moito tempo por mor da industria contruída no seu arredor. Esa industria, incluída SOGAMA, son os principais sospeitosos, ou directamente culpables dos "paus" que recibiu o río dende hai uns anos. Estaba comezando a recuperarse, pero outra vez a pantasma dos verquidos contaminantes se cebaba cun río galego. Levamos un ano no que non chegan os dedos das mans para contar as desgracias nos cursos fluviais desta parte da Península: comezando polo Catasol (por partida doble), seguindo pola catástrofe do Xallas, o Ulla, o Umia, o Miño, o Lagares, o Mandeo, o Grande, o Gallo, o Con, o Eume, o Mero (pesqueino varios días no verán e en ocasións, a auga levaba unha cor máis que sospeitosa), o Landro, o Mercurín, o Tambre, o Dubra, o Xuvia (que non "Jubia", como se oe dicir por aí...), e acabando polo Lengüelle. (e seguro que se me esquece algún).


Unha imaxe, por desgracia, demasiado habitual

Por todo este desolador panorama, o próximo texto que escriba (se desilusión me deixa) irá adicado a como me foi nos derradeiros días da tempada de pesca fluvial no país dos mil desaugues. E dende aquí dou un berro cheo rexeitamento a esta serie de verquidos, pedindo á Consellería de Medio Ambiente traballo e dedicación abasoluta para parar isto, e por suposto, para atopar e sancionar ós culpables de tan detestables feitos.

Saúdos.

A fotografía está sacada da páxina: http://www.lavozdegalicia.es

lunes, 18 de agosto de 2008

¡Perigo! Gando porcino "autóctono" ceibo

Este titular deberíase pór en carteis anunciadores en áreas verdes, para avisar a aquelas persoas que van de paseo desexando encontrar un espazo libre de lixo, de que sen non queren coller un cabreo de "dous pares", así xa non sigan; posto que, progresivamente, está proliferando un novo tipo de porco "autóctono" en Galiza, ó cal deixan andar ceibo por festas, romerías do país e outros sitios. Un bo exemplo (hai moitos outros), son os regos de merda que se podían ver a semana pasada na insua da cola do Encoro da Fervenza (Río Xallas) e arredores, onde se celebrou (e se celebra tódolos anos) a festa denominada co mesmo nome. Eu que ía cana de pescar en man, comecei a ter arcadas, polas continuas moreas de lixo (bolsas, botellas, cagallóns, compresas, basos... de todo) que ía atopando e tendo moita conta de non pisar unha desas cagadas de porco. Parece que estes animais non saben desfrutar da festa sen ensuciar, porque penso que non é tan difícil coller e cando todo remata, meter os restos de lixo en bolsas e levalas a un contedor, que seguro que hai varios de camiño; e se che entra un apuro, seguro que pode haber servizos ó dispor dos usuarios.



Os porcos que ten o veciño na súa granxa, seguro que teñen máis cerebro que os que fixeron isto


Non hai que xeralizar, pero polo momento, e parece mentira que estemos no século XXI, non nos concienciemos de que o mundo non é noso, e non podemos facer o que nos veña en gaña. Hai outros seres e outras persoas ás que respetar neste planeta e na sociedade. A algúns o ir á escola, está visto que non lles serviu de moito. Respetemos o medio natural, e pensemos nas xeracións futuras, que van ser os que peor o van pasar se non cambiamos o rumbo das cousas. Tornemos esta sociedade de porcos (ou preas) nunha sociedade de persoas con tódalas letras.


Non estaban na cuadra: estaban de parranda


Os montes, os ríos, os animais, están continuamente sufrindo agresións. Este verán parece que os incendios forestais (ó igual que o ano pasado) van a menos, pero pola contra, está sendo un ano fatal para os cursos fluviais. Esta última semana houbo mortandades de troitas nos Ríos Grande (en Vimianzo) e Gallo (en Cuntis), por uns verquidos dos cales non se sabe aínda a procedencia. Por outra banda, a mala sorte cebouse co Río Catasol a finais de xullo (afluente do Furelos, e que xa sufriu un verquido de puríns hai cousa dun ano), coa vertedura de alquitrán procedente da cisterna dun camión accidentado no seu leito. E o Eume segue en agonía dende hai dous meses, sen que a Xunta de Galicia actue como é debido, con man dura. Negro panorama. Espero que esa especie endémica de "porco de Galiza", tome conciencia do porco que é, e por fin deixe de selo.

Saúdos.


As fotografías son do autor do blog.

lunes, 4 de agosto de 2008

Por terras do Ribeiro


O Arnoia en Pontearnoia



Boas de novo a todos. Despois de tomar o mes de Xullo como mes de, entre comiñas, "descanso", volvo porme ante as teclas do ordenador para contarvos a última espedición sendeiro-pesqueril á provincia de Ourense, na que por certo, nunca pescara. Os foreiros do foro de pesca da páxina web de Secundino Lorenzo (www.galeon.com/sloren), acordamos reunirnos nun Río e compartir unha xornada de pesca, coñecementos, vivencias, etc. Ó final, por diferentes motivos, só poidemos ir Pedro e máis eu. O Domingo 3 deste mes, erguinme cedo, collín os aparellos, metinos no coche e arranquei cara Pontearnoia (Pasando Ribadavia). Cheguei sobre as 11 da mañá, e Pedro xa levaba unhas horas no Río tentando ás esquivas pintonas do Arnoia. Procuramos enganalas ata a hora de comer sen éxito (Pedro só collera unha). Teño que dicir que non estou acostumado á calor de Ourense, e sudei "de lo lindo". Fomos comer, e de paso vimos un pouco a Fórmula 1, ademáis de charlar sobre pesca e un pouco da vida de cada un. Posteriormente e sen durmir sesta, movémonos cara o Río Avia, por encima de Ribadavia, para logo ir máis arriba a Pazos de Arenteiro. O Avia levaba menos auga que o Arnoia, ademáis de ter tramos moi parados, pero os dous gustáronme pola súa beleza. Pedro (grandísimo pescador coa cucharilla, un maestro) ainda ía pescando algo, pero eu... non o digades por aí, o que é "catar" unha troita non a catei: e iso que que probei con mosca seca e ninfa, para despois cambiar ó aparello de buldó. O resultado foi un escalo que me deu Pedro e outro que collín eu.


O Avia en Pazos de Arenteiro

Foi outro capote para a coleción... Pero paseino ben igual, que quede claro. Con desfrutar da natureza xa me basta. E máis cun compañeiro de espedición coma Pedro (dende aquí un saúdo e moitas grazas pola xornada). A temporada que ven espero repetir máis dunha vez e que veña máis xente.

As fotografías son do autor do blog.